Como xa saberás, temos en Redondela un problema que se está a agravar cada día máis co tema dos pubs pechados polo Alcalde.

O noso eterno Xaime, sendo fiel coa súa forma de gobernar, deixou que abrisen e funcionasen eses pubs sen licencia durante uns cantos anos. Eludindo as protestas dos veciños da zona, que non poden facer uso do seu dereito ao descanso, adicouse a non facer nada (obviando o seu slogan "Faremos Máis"), para non ter enfrontamentos con ningún sector.

Ata que agora, ante a amenaza de verse envolto nun feo asunto no xulgado, relacionado coa prevaricación por omisión á que tanto teme, decidiu tomar medidas e pechar os pubs da discordia.

Ante dita situación, e as continuas protestas dos donos dos pubs, fixo o que sempre adoita facer, pasarlle a pelota dos temas incómodos ó PP, como se fose o que goberna. Así que prometeulles modificar a ordenanza municipal estreitando o ancho legal da rúa para a apertura dos locales de 4 metros a 3,5 metros. Iso si, precisaba o consenso de todos os grupos políticos.

O PP propuxo unha alternativa mellor no último Pleno: crear unha zona habilitada para resituar a "marcha redondelana" nun lugar onde non molestase aos veciños, de xeito que éstes puidesen descansar, a xuventude divertirse, e os pubs funcionar sen ningún problema de ruidos. Para tal fin, crearíase unha comisión encargada de negociar cos pubs e de atopar a ubicación axeitada.

Cómo non, o PSOE, acostumado a eludir as súas responsabilidades de goberno, votou a favor da moción coa condición de que o ponente da mesma (Alberto Pazos, concelleiro do PP) fose quen presidira a Comisión. O Popular aceptou, xa que se o Goberno Local é incapaz de facer o seu traballo, e de resolver os problemas que afectan a Redondela, terá que ser a Oposición a que o faga.

Quere o Alcalde levar o asunto con discreción, i eu pregúntome por qué. Se non teñen nada que ocultar, e se están orgullosos da súa forma de proceder, entón non teñen por qué molestarse cando a cidadanía segue o asunto coa atención que merece.

Claro que, ao mellor, non están tan satisfeitos, e lles da vergoña que o pobo saiba que non son capaces de dar saída ás situacións complicadas, pero tranquilos, meus queridos compañeiros socialistas, tedes ao PP que é que sabe poñer enriba da mesa as solucións que a vos non se vos ocorren.