www.vigometropolitano.com

A voceira do PP de Redondela, Francisca Canal, reclámalle ó alcalde, Xaime Rei, realice as explicacións oportunas sobre o acondicionamento que o Porto de Vigo está a levar a cabo no antigo embarcadoiro de mineral, en Rande. Nestes terreos a APV (Autoridade Portuaria de Vigo) está a realizar unha serie de obras, dende hai case un mes, para a instalación dun almacén de contenedores.

O grupo popular de Redondela solicita "unha comparecencia do alcalde para que nos dea conta das actuacións que está a realizar no municipio a Autoridade Portuaria viguesa". A voceira do grupo popular, Francisca Canal, considera que Rei debe informar sobre estas actuacións, "e non nos vale que nos diga que as descoñece porque como dirixente municipal ten o deber de estar ó tanto", xa que ,"o alcalde forma parte do consello administrativo da Autoridade Portuaria de Vigo, co que non pode alegar descoñecemento do tema" sentenciou Canal.

Partido Popular redondelán maniféstase "preocupado polas consecuencias que poidan conlevar as obras nesta zona" que, lembremos, "está suxeita á Lexislación de Costas e afectada pola Rede Natura (espazo protexido Enseada de San Simón), tal e como especifica o informe técnico elaborado polo arquitecto municipal sobre este proxecto". A Plataforma en Defensa da Ensenada de San Simón foi o primeiro organismo en denunciar estas actuacións no estreito de Rande.

Detalle das actuacións

O grupo popular de Redondela fixo públicos distintos aspectos sobre as obras previstas no entorno do cargadeiro de mineral de Coto Wranger. As actuacións están incluídas no programa P.A.I.F. de inversións (Programa de Actuación, Inversións e Financiación) son a demolición das pequenas instalacións existentes (muros, soleiras, galpóns...), 36.000 metros cúbicos de excavación, 20.500 metros cúbicos de pedraplanado, 19.600 metros cadrados de base e soleira, 100 metros de pechamento de 2,5 metros de altura con reixa metálica, caseta de control de 10 metros cadrados e 3,20 metros de altura e instalacións de electricidade (torres iluminación, centro de transformación...), auga (pozo, conduccións...) e sumidoiros (colectores, arquetas, depuradora...).

Estas obras teñen o fin de obter unha explanada para almacenamento de contedores de 19.600 metros cadrados, que se fai necesaria debido ó incremento de tráfico de contedores dos últimos anos e da escasa superficie dispoñible dentro da terminal viguesa de Guixar. A superficie da explanada está situada en parte (aproximadamente un 50%) por riba do deslinde Marítimo Terrestre, sendo o resto de Dominio Público.