Faro de Vigo

As Novas Xeracións do Partido Popular de Redondela lamentan as palabras do recentemente nomeado Secretario Xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia no municipio. Isaac Borja Araujo agradeceu ao Alcalde a súa máis que discutible defensa dos intereses da vila, “facendo fincapé na futura autovía que está a levar por diante varias parroquias, deixando sen a súa actual vivenda a máis dun cento de vecinos”, explica Laura Alonso, presidenta local de Novas Xeracións e concelleira popular.

Dende esta agrupación lamentan, unha vez máis, que o Partido Socialista siga empregando as institucións públicas como “maneira de establecer a súa rede de clientes”, apunta Alonso, “amosando que son un goberno duns poucos e non de todos, como debería ser”, engade.

Os populares consideran escandaloso que o único interese dos socialistas sexa empregar a xuventude de Redondela en beneficio seu, pois “resulta pouco ético que se nomee como responsable da organización xuvenil a un dos agraciados do cobro de diñeiro público por asistir ás procesións en calidade de macero”. Pola contra, pódese comprobar cómo o resto de mozos redondeláns, “aqueles que non gardan un carné socialista no seu peto, son obviados día tras día”, remarca a concelleira popular. Un sector da poboación, este, que se está vendo obrigado a abandonar o seu municipio “por falla de solucións eficaces para o seu futuro”.