Spain is indiferent
Hai ocasións na vida, nas que tomamos decisións que, ao longo, resultan ser vitais para a nosa traxectoria... Unha nunca sabe con certeza qué intres son decisivos e qué intres non o son, moitas veces vémonos sorprendidos pola relevancia de cousas que nun primeiro momento pensamos que non nos ían afectar. Pero ahí están, e aféctannos.
Cando unha persoa decide pechar os ollos a algo que está a acontecer ao seu arredor, pode que ese algo, que en principio decidiu ignorar, a envolva irremediablemente nos seus brazos e lle cause mal. ¿Qué facer cando os acontecementos da vida nos superan e o xeito co que nos enfrontamos a eles non é o que deberiamos ter?
Velaí unha verdade coma un templo: ás veces non compensa permanecer indiferentes, porque as almas sen alma poden facerche dano na túa. Ás veces non compensa ser condescendente co xeito de actuar das persoas que temos formando parte do noso mundo, porque pode ser que se tomen demasiada liberdade para roubarche a túa liberdade de decidir.
Pero o que sí é certo é que sempre compensa seguir as túas crenzas, os teus principios, con rectitude, porque iso fai que te sintas ben, moi ben...